sábado, marzo 19, 2016

PREGUNTA DO PP DE LUGO POLA IMPUTACIÓN A BESTEIRO

O Grupo Provincial do PP de Lugo solicitará de novo explicacións a través dunha pregunta en Pleno sobre as xestións do Goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro na Deputación. O vicevoceiro dos populares, Carlos Armesto, lembra que “temos pedido en múltiples ocasións explicacións que non se nos teñen dado e segue o silencio como resposta a pesar de que se cumpre unha semana da imputación do líder dos socialistas”.
O popular considera que as dúbidas sobre a xestión do bipartito “lonxe de disiparse, seguen a ser cada vez maiores, incapaces de asumir a responsabilidade que lles corresponde ante os lucenses, ante unha investigación sobre corrupción” e tendo en conta, lembra Armesto, que “o actual equipo de Goberno é practicamente o mesmo que o de Besteiro, ao que o xuíz lle imputa seis delitos nesta causa”.
Armesto considera que o bipartito ten na sesión plenaria do martes 29 unha “boa oportunidade” para aclarar como afecta esta situación á actividade da institución e se pensan tomar algún tipo de medida ou pedir responsabilidades políticas. En concreto, os populares pedirán explicacións sobre os documentos nos que supostamente figura a contabilidade irregular da Deputación e as supostas listas negras con persoal marcado por estar vinculado co Partido Popular, aspectos que figuran no auto da xuíz, tal e como teñen recollido os medios de comunicación.

“Agardamos que cambien esta actitude, que rectifiquen, que non se convertan en cómplices necesarios ante unha xestión e uns feitos que como mínimo demostran un proceder irregular no manexo de fondos públicos de todos os lucenses e na xestión da primeira institución desta provincia. Hai responsables e teñen que dar a cara”, sostén.
O PP defende que o Señor Campos practicou a “estratexia da avestruz” agochando a cabeza e sen saír en ningún momento “nin tan sequera para lanzar unha mensaxe de tranquilidade”. “Non facemos oportunismo político, queremos explicacións, o mesmo que demandan os cidadáns”, engade.
Armesto esgrime que con cada hora que pasa medran as dúbidas sobre as decisións que se teñen tomado en referencia as axudas públicas ou a programas como o km0 e ao propio funcionamento dos servizos esenciais da Deputación. “O único que conseguen é danar a imaxe desta institución”, lamenta o popular e “falamos de diñeiro público, de todos os lucenses, que merecen unha explicación”, engade.
O vicevoceiro dos populares lembra que no seu día o PP xa ten pedido información sobre esta Operación cando Besteiro era presidente “limitándose a botar balóns fora e a responder con evasivas”. “Xogaron á burla, tildaron a fiscalización do PP como círculo mediático e agora terán que dar estas explicacións en sede xudicial, mentres nos seguiremos facendo esa labor de fiscalización, seguimos reclamando explicacións aos seus compañeiros de Goberno”, matiza.
Ademais de danar a imaxe da institución, dende o Grupo Popular indican que esta circunstancia pode ter relación e xustificar a situación de parálise que actualmente vive a Deputación de Lugo. “Lamentamos as consecuencias prexudiciais que están a ocasionar na Deputación” e reproba que “hai quen como resposta arremete conta a xustiza e contra os que, preocupados pola institución, reclamamos actuacións”. Aínda que “imos respectar os tempos, a propia labor e dinámica da investigación da Xustiza”, Armesto tamén considera “reprobable” que Besteiro “abandone o único cargo que non tiña, que era o de candidato á Xunta. Segue sendo secretario xeral cando pesan sobre el 10 imputacións por dúas operacións xudiciais diferentes”. Armesto pregúntase como será o segundo candidato do PSdeG se o mellor candidato que tiñan ten dez imputacións

No hay comentarios: