martes, marzo 14, 2017

EL PP RECLAMA UN IMPULSO NA REHABILITACION DO FIRME DA N-120

O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento o impulso á rehabilitación estrutural do firme na estrada N-120, especialmente no tramo que transcorre desde Valdeorras ata Monforte de Lemos, continuando cos traballos de desmontes e saneamentos de rochas para impedir desprendementos.
O deputado Moisés Blanco lembra na iniciativa que na actualidade existe o proxecto para a construción da autovía A-76 que ao longo de 125 quilómetros comunica Ponferrada con Ourense. “Esta importante infraestrutura de comunicación conta cun gran apoio en todas as localidades polas que discorre, atopándose nestes intres varios tramos do proxecto en fase de redacción”, manifesta.
“Pero ata que este proxecto se converta, pouco a pouco, nunha realidade tanxible, é necesario que a N-120 estea nas mellores condicións, para o seu uso seguro e eficiente, posto que a día de hoxe continua a ser a vía principal de comunicación destas comarcas do interior”, sinala o deputado popular, quen recorda que nos últimos meses teñen acontecido varias saídas de vehículos e accidentes nos que se rexistraron falecementos.
Moisés Blanco apunta que o Ministerio de Fomento leva a cabo periodicamente traballos de mellora, recuperación e rehabilitación na estrada N-120, así como traballos de desmontes ou saneamento de rochas para impedir desprendementos.
“Porén, estes traballos resultan insuficientes nalgunhas zonas concretas, tendo en conta o volume, a densidade e as condicións de tráfico soportado, polo que desde o Grupo Popular consideramos necesario que o Ministerio impulse unha rehabilitación estrutural do firme da N-120, especialmente no tramo comprendido entre Valdeorras e Monforte de Lemos”, engadiu.
Moisés Blanco salienta que a N-120 “foi e segue a ser a vía máis importante de comunicación da comarca de Valdeorras coa capital da provincia, as principais cidades de Galicia e mesmo coa veciña comarca do Bierzo”. Neste sentido, lembra que por esta estrada “diariamente transitan centenares de vehículos e moi especialmente camións que transportan toneladas de lousa, un dos nosos recursos naturais máis prezados, que da sustento a miles de familias tanto en Valdeorras, coma no Bierzo ou mesmo nas zonas do sur da provincia de Lugo”.

No hay comentarios: