viernes, marzo 24, 2017

FEIJOO ANUNCIA 230 MILLONS PARA FIXAR POBOACION NO AGRO

Feijóo, anunciou a aprobación, no Consello deste xoves, dun plan específico para fixar poboación no agro, dotado con 230 millóns de euros, e que contempla 23 medidas diferentes, entre as que destacou facilitar a industrialización do agro galego e a supervivencia, desde o punto de vista económico e social, das persoas que queren seguir vivindo no rural galego.
Durante a inauguración da I Xornada Técnico Económica, Explotacións lácteas galegas. Visión 2025, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá traballando e apostando polo rural, “e para que nosa voz se escoite en todos os foros de decisión”.
O titular do Goberno galego subliñou que, nos últimos dous anos, creáronse cada día 25 empregos no rural e só nos 100 primeiros días desta lexislatura, resolvéronse favorablemente máis de 580 expedientes de persoas que queren investir na modernización das súas granxas e 618 mozos vanse incorporar por primeira vez ao rural, a maior parte deles no sector lácteo.
Neste senso, constatou que cada vez máis galegos novos ven no rural un bo lugar para investir e asegurou que o compromiso da Xunta é acompañalos, co único límite do cumprimento das leis.
Nesta liña, lembrou o apoio do Executivo autonómico a proxectos como Clun e a outras iniciativas como a ampliación dunha planta de queixo en Vilalba e á nova planta de transformación do leite en Curtis.
Así mesmo, subliñou que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar os adiantos da PAC, arredor de 130 millóns de euros para 33.000 gandeiros. Tamén sinalou que, nos últimos anos, malia a recesión económica, a Xunta estivo a carón do medio rural, adoptando decisión pioneiras, algunhas de carácter xeral para o agro, como a Lei de estrutura agraria ou a primeira Lei de montes, pero tamén específicas para o sector lácteo como a marca Galega 100%.
Feijóo avogou por seguir construíndo o futuro do rural e do sector lácteo, un sector que, segundo aseverou, esixe ser capaces de orientar as explotacións cara a un modelo sostible, explotacións de volume e dimensións axeitadas, con forraxes axeitados e con man de obra competitiva.
Ao respecto, asegurou que cooperativas coma Clun teñen xa boa parte do camiño andado, referíndose a esta cooperativa láctea como un exemplo práctico de que a unidade dá máis forza, cunha produción de pensos a prezos máis competitivos, cunha fortaleza na negociación dos prezos ou con fórmulas de descanso a través dos equipos de substitución.

No hay comentarios: