viernes, mayo 05, 2017

REUNION DO COMITE DE CIDADES DO PPdeG

Miguel Tellado asegurou que “canto máis se achega o ecuador deste mandato, máis claro parece que en seis das sete cidades galegas imos camiño de cumprir dous anos perdidos, e non temos demasiadas esperanzas de que nada o poida mellorar ata o ano 2019”.
Así se expresaba na rolda de prensa ofrecida trala reunión mantida co Comité de Cidades, na que coa única excepción de Ourense, participaron voceiros e presidentes locais de Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. Alí, Tellado avanzou que desde o PP de Galicia atópanse hoxe centrados en tres cuestións fundamentais.
A primeira delas indicou que é desenmascarar a falta de xestión e a parálise daquelas cidades gobernadas polo populismo, o nacionalismo máis rancio “como é a cidade de Pontevedra” ou polo socialismo populista “que é a versión que encarna Abel Caballero en Vigo”; a segunda baséase en demostrar que outra forma de gobernar é posible, que é a forma da Xunta e de Feijóo: “un modelo de rigor, seriedade e responsabilidade”; e a terceira e “máis importante” consiste en conformar alternativas que ilusionen á cidadanía, remarcando, que “ese é o noso reto principal de aquí ao longo dos próximos dous anos”.

Malia a indicar que o PP podería dedicarse como oposición en seis desas cidades a criticar o que fan mal, o que non fan ou a situación de parálise, o secretario xeral afirmou que “nós queremos máis, temos un exercicio de compromiso co conxunto da sociedade e estamos obrigados en constituírnos en alternativa de goberno”.
Tellado tamén lembrou que a intención do Comité de Cidades era establecer unha canle de comunicación fluída e cooperación constante, tal e como fixeron e como seguirán facendo. “O noso obxectivo é moi claro: queremos coñecer as necesidades do partido e da sociedade en cada punto, para dar respostas a cada un deles. E como sabemos que en todos os lugares temos problemas comúns, queremos aproveitar as sinerxias que xurdan para dar solucións común”, remarcou.  

No hay comentarios: