viernes, julio 07, 2017

250 MILLONS PARA O APOIO AO CRECEMENTO ECONOMICO E REFORZO DO GASTO SOCIAL

Feijóo deu luz verde a aprobación no Consello da Xunta do anteproxecto de lei de apoio ao crecemento económico e reforzo do gasto social, o que permitirá levar a cabo este ano accións en diversos eidos por un importe de preto de 230 millóns de euros. “Estamos a falar dunha lei que ten un dobre obxectivo: consolidar o crecemento da nosa economía para que Galicia siga medrando con forza, e que iso se traduza en máis e mellor emprego. E reforzar o gasto social, porque a prioridade deste Goberno segue sendo os galegos e o seu benestar”.
Logo de precisar que os preto de 230 millóns que se inclúen na lei son recursos que Galicia vai recibir este ano a maiores do sistema de financiamento autonómico, pola mellora da economía galega e española, que se está a traducir nun incremento da recadación tributaria vencellada ao mercado laboral e ao consumo, Feijóo explicou que esta lei divídese en tres grandes bloques: Suba salarial para os empregados públicos, Reforzo do gasto social e Impulsar o crecemento.

Suba salarial para os empregados públicos
Como primeiro bloque, ao que se dedicarán 73 millóns de euros, Feijóo destacou a suba salarial do 1% para todos os empregados públicos da Xunta, incluído o persoal sanitario, educativo e das universidades. “O máximo permitido polo Estado”, subliñou. Máis polo miúdo, explicou que a previsión da Administración autonómica é que na nómina do mes de xullo xa se aplique esta suba salarial.
Reforzo do gasto social
O segundo bloque no que se centrarán as actuacións desta lei será reforzar o gasto social, en tres eidos fundamentalmente, cun investimento total de 113 millóns de euros. O primeiro deles será a sanidade, con 60 millóns para actuacións prioritarias como universalizar os fármacos da hepatite C. Tamén se investirá na humanización de espazos asistenciais e na execución de novos centros de saúde, e se intensificará a actividade asistencial nos centros sanitarios.
Impulsar o crecemento
Feijóo explicou que no eido laboral, destinaranse 5 millóns a completar os programas de emprendemento e formación no rural; e os programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos.
O compromiso do Goberno galego coa innovación estará reflectido nunha actuación por 3 millóns de euros para reforzar a aposta polo talento, as novas tecnoloxías e a Industria 4.0, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.
Así mesmo, destinaranse outros 2 millóns ao programa Reforma17, unha iniciativa para dinamizar o tecido empresarial galego que nos últimos anos está axudando a revitalizar o sector da construción e a reforma.
E, no turismo, desenvolveranse –cunha achega de 3 millóns- accións para a potenciación e promoción dun sector que está a consolidarse como un motor da recuperación económica, e no que Galicia está a acadar cifras récord de visitantes estranxeiros.
Con estes recursos potenciarase a presenza de Galicia en feiras turísticas internacionais e traballarase en accións promocionais do destino e de novos produtos turísticos.
No ámbito das infraestruturas, destinaranse 19 millóns a actuacións para a mellora da rede viaria e a súa conservación, e para actuacións no solo industrial; e incluirase unha partida para o equipamento do Auditorio de Lugo.
Esta lei tamén contribuirá con 4 millóns á posta en marcha da nova Axencia Galega da Industria Forestal, que ten como retos mellorar a calidade de vida no entorno rural, dinamizar un sector clave para a economía galega, incrementar o número de empresas e, en definitiva, crear novos empregos. E activaranse outros 5 millóns para acelerar proxectos pioneiros de mobilidade de terras e para reforzar as políticas de prevención contra os incendios -sobre todo na área fronteiriza con Portugal-, incluíndo a creación de novos puntos de auga, peches gandeiros e mantemento dos cortalumes.
Respecto ao eido marítimo, incluiranse partidas para as obras de construción de pantaláns para as embarcacións mexilloeiras de diversos portos galegos.

No hay comentarios: